© Xose Lois
Xosé Lois González Vázquez, O Carrabouxo (Ourense, 1949) é titulado en Enxeñería Técnica de Telecomunicacións, traballa para o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio como xefe provincial de Telecomunicacións en Ourense.
Foi, ao longo de 23 anos, membro da directiva da Agrupación Cultural Auriense, 13 dos cales foi tamén o seu presidente.
No seu labor de humorista gráfico, presenta as súas colaboracións regulares nos xornais La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo con viñetas do personaxe O Carrabouxo, que é tamén o seudónimo do autor, e que foi levado á animación por Lhosca Arias. Publica ademais, entre outros, no semanario A Nosa Terra e na revista Tempos Novos.
Entre os seus libros de humor gráfico cóntanse: Ano e pico de Carrabouxos, 20 anos de Carrabouxo (Deputación de Ourense), Novos chistes de Xosé Lois (A Nosa Terra) ou Humor gráfico. Xosé Lois na transición (Universidade de Vigo).
Participou tamén en publicacións colectivas como: Visto para sentencia-vamos a reirnos muy en serio del racismo-europa se rie del racismo, Humor grafico galego, os humoristas e a lingua ou Humor y tolerancia, from Galicia whit humor, así como nas publicacións da Bienal da caricatura de Ourense e na mostra internacional portuguesa Humorgrafe.