+ internet + galego + futuro

Xunta de Galicia. Consellería de Innovación e Industria. Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información

17 de maio días das Letras - día de Internet - día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

Máis letras

Onte espelloume a verba o pulo que marca o tempo

Onte espelloume a verba o pulo que marca o tempo.
Del hoxe non entendo nada,
del hoxe non sei onde empeza,
del hoxe non teño,
non sei,
non sei del.
Sábeno, eu pregúntome?
Si, di a altura que me avala,
Si, di o sol morno-frío,
Si, di a terra que me muxe,
Si, di a forza que me palpa soia,
Si, berra a escada que me ergue.

Señor:
que farrapo son de ti?
Como me viras e reviras,
como me ergues e me fundes!
No de ti tallo me agachas,
no de ti tallo me espremes,
no de ti tallo exposme.
Ouh, como aguanta o meu de ti!
Que de min é teu sendeiro?
Que verba miña che chega?
Que son na túa liña de contas?
Calo.
Mañán direi: Todo nun.
Hoxe non entendo nada.



María Mariño naceu un día 8 de xuño de 1907 en Noia, cuarta dos cinco fillos dunha familia de artesáns. Logo dun poucos anos de escola, traballa como costureira polas casas.

Con vinte anos trasládase coa familia a Escarabote (Boiro), onde ten acceso á biblioteca do Pazo das Torres de Goiáns.

No ano 1936 viaxa ao País Vasco, á casa dunha irmá, e vive alí o cerco de Bilbao por parte das tropas franquistas.

Á volta casa en Boiro co mestre Roberto Pose, con quen regresará ao País Vasco polo destino laboral deste. De volta en Galicia, nácelle un fillo que morrerá axiña.

Trasládase, en 1946, a Romeor do Courel e pouco despois instálase en Parada de Moreda, onde vivirá dúas décadas e onde coñece a Uxío Novoneyra.

Alí inicia a escrita dos poemas cos que compoñerá Palabra no tempo, obra para a que escribe un prólogo Ramón Otero Pedrayo e que será editada en 1963 na editorial luguesa Celta.

Escribe, ao longo do seu último ano de vida, o libro Verba que comenza, morre en maio de 1967 e é enterrada en Seoane do Courel.

Accesibilidade | Aviso legal | Contacto

Xunta de Galicia. Conselleria de innovacion e industria sociedadedainformacion.eu. Estratexia galega da Sociedade da informacion